Tumgik
#caprichos de antano
honeyrolls · 3 years
Photo
Tumblr media Tumblr media Tumblr media Tumblr media Tumblr media Tumblr media
Caprichos de Antaño
2K notes · View notes
praza-catalunya · 2 years
Text
Unha revisión da figura e obra de Antoni Gaudí
Antoni Gaudí foi un arquitecto xenial; modernista. Sobre a súa figura dixéronse e dinse moitas cousas: místico, tocado por inspiracións divinas, incomprendido, illado do medio no que se movía. Agora o MNAC presenta unha ampla mostra sobre este creador que pretende rachar con tópicos gaudianos. Unha exposición excesiva. A presentación de tantas testemuñas do quefacer de Gaudí logra eliminar eses tópicos? Por que a Sagrada Familia é un “templo expiatorio”?
Lito Caramés
Tumblr media
 Gaudí, Reixat de dos batents per a la Casa Vicens. 1883
O arquitecto Antoni Gaudí presentado no MNAC
A cabalo entre os anos 2021 e 2022, en pleno Segundo Ano de Pandemia, O Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) presenta unha extensa mostra sobre a obra do arquitecto Antoni Gaudí (1852–1926): Gaudí. O MNAC no seu portal web titula a exposición, en breve e só co apelido do construtor; mentres que noutros lugares (cátedra Gaudí) dise (Re)conèixer Gaudí. Foc i cendres. Será esta propia diversidade unha especificidade do contido da exposición?
A exposición é unha suma de obxectos moi diversos que, en número de 650, pretenden dar unha visión definitiva do arquitecto. A diversidade de pezas pasa por pinturas, fotografías históricas, por deseños do arquitecto, moitas pezas de artesanía empregadas nos edificios (rexas, mobiliario), columnas, elementos en escaiola para a Sagrada Familia, libros, tapices, ... A propia abundancia e diversidade dificulta o seguimento e unidade da tese que pretende defender. Tamén colaboran na súa execución diversas entidades; unha delas a cátedra Gaudí, da UPC.
Tumblr media
J. Mir. La catedral dels pobres. 1898
A mostra Gaudí ou (Re)conèixer Gaudí. Foc i cendres, como se prefira, está coorganizada polo MNAC, de onde proceden a meirande parte das pezas que agora se presentan, e mais polo Musée d’Orsay onde viaxará a exposición a partires do mes de abril, e onde xa se expuxo obra de Antoni Gaudí hai un século. Moitas das pezas presentes agora nos sotos do MNAC son pezas restauradas que antano formaron parte do estudo que o autor de El Capricho (Comillas) tivo nas obras da Sagrada Familia de Barcelona.
O comisario e responsable deste magno acugulo de obras que ambientan a mostra e mais de pezas procedentes da creación do autor do Palau Güell, é Juan José Lahuerta, un dos especialistas na produción modernista de Antoni Gaudí. Lahuerta é -desde 2016- o director da cátedra Gaudí da Universitat Politècnica de Catalunya. O obxectivo prioritario que mira de lograr o señor Lahuerta coa presentación de tantas e tantas pezas nunha exposición temporal, sobre un dos arquitectos máis coñecidos internacionalmente, é rachar tópicos que encol da figura do arquitecto se formaron: místico, illado do mundo, incomprendido, tocado por unha iluminación particular. A mostra Gaudí logra os seus obxectivos?
Tumblr media
 L'Esquella de la Torratxa. Caricatura de la Casa Milà.  1912
Antoni Gaudí, arquitecto do seu tempo
Antoni Gaudí, nado en Reus, veu estudar arquitectura á Escola d’Arquitectura de Barcelona (acabou os seus estudos en 1878) e, a partires dese momento coñece e practica unha arquitectura moi conforme coas tendencias e modas dos seus tempos. Por exemplo o autor da Casa Milà (coñecida popularmente como La Pedrera, a canteira) veuse influenciado polo arquitecto francés Eugène Voillet-le-Duc, responsable importante de todo o movemento, renovador e retrovisor ao tempo, coñecido como Neogótico. Esta revisión tendente a volver pór de moda a arquitectura gótica comezou no Reino Unido a finais do século XVIII, pero foi perante o trunfo do Romanticismo cando esta moda se estendeu (non hai máis ca ler algunha das lendas de Bécquer para decatarse que os tales relatos suceden -mormente- en espazos góticos). Por calquera país europeo é doado atopar edificios, tanto reconstruídos como levantados ex-novo, coas características de catedrais e castelos dos séculos XIII ou XIV: o Parlamento de Budapest, por exemplo, o Pazo Arzobispal de Astorga (de Gaudí), que se atopa a escasos metros (e competindo) coa catedral gótica desa cidade leonesa que albergou lexións romanas. Cómpre lembrar tamén que a fachada da Catedral de Barcelona non é de construción medieval; foi levantada entre 1887 e 1890, segundo as orientacións neogóticas, obra do arquitecto José Oriol Mestres e pagada polo banqueiro Manuel Girona. En realidade trátase tamén doutra obra expiatoria. Cantas obras expiatorias se fixeron (e seguen a erguerse) en Barcelona? Tanto pecado hai?
Asemade -como aconteceu co Modernismo en xeral- a arquitectura de Antoni Gaudí debe moito ao movemento social e artístico nado no Reino Unido e que se coñece como Arts&Crafts. No ano 2018 o propio MNAC presentou unha importante e ben estruturada exposición sobre ese xeito de afrontar a vida, o traballo e as artes; un movemento ante-capitalista e ante-mecanicista. Arts&Crafts, dirixido por importantes pensadores e creadores, reivindicou a artesanía, fronte á degradante industria daqueles tempos, cousa que logo seguirá a promocionar o Modernismo e, evidentemente, Gaudí (só cómpre fixarse na Pedrera, un dos seus edificios máis logrados e innovadores). W. Crane, un dos dirixentes deste movemento escribiu na súa obra Arts & Crafts Essays (1893):  (Arts & Crafts) representa unha revolta contra a dureza da vida mecánica e convencional e a súa insensibilidade cara a beleza. É unha protesta contra o chamado progreso industrial que produce mercancías de mala calidade a baixo prezo, das que só é posible a conta das vidas dos que as producen e a degradación daqueles que fan uso delas. Unha protesta contra a conversión dos homes en máquinas. Dentro das innovacións de Arts&Crafts cóntase a promoción da artesanía executada por mulleres, como vieiro para alcanzar unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Tumblr media
Taller de Gaudí a la Sagrada Família. c. 1926
Desde esta orientación si que se pode dicir (tal e como pretende demostrar o comisario Lahuerta) que Gaudí foi un arquitecto ben posicionado no seu tempo, e nas tendencias estéticas que se levaban daquela: o Modernismo. Os seus edificios teñen as mesmas trazas (amor pola natureza, formas vexetais, polas formas orgánicas, rexeitamento da liña recta e do ángulo recto) que se poden apreciar en toda a arquitectura modernista europea. Igualmente Antoni Gaudí foi un amante e defensor das artesanías. Os seus edificios acaban por ser verdadeiros obradoiros de ebanistería, de forxa, de moldeados en xeso e tamén de traballos en cerámica; ben coñecido é a decoracións que el mesmo chamou trencadís.
Actualmente existe a organización Ruta Europea del Modernisme (Art Nouveau European Route) que achega a calquera persoa o patrimonio modernista de calquera cidade, estado ou continente. É realmente un esforzo meritorio de todo recoñecemento, coa edición dunhas magníficas revistas e organización de eventos.
Si, Antoni Gaudí foi un arquitecto xenial, moi orixinal, coñecedor das creacións internacionais, e un dos máis importantes arquitectos europeos dentro do Modernismo. Outra cousa son outros tópicos (ser un místico, unha persoa católica en exceso) que se lle aplican. Desmontar esas afirmacións seguro que custa máis.
Tumblr media
Gaudí. Vista exterior de l'església de la Colònia Güell. 1910
(Re)conèixer Gaudí. Foc i cendres. MNAC
A exposición que na actualidade presenta o Museu Nacional d’Art de Catalunya sobre Gaudí ofrece ao público máis de 650 pezas, moi variadas no seu formato, calidade, material e de todo tipo. 650 pezas son moitas. Semella que a intención do comisario e mais das organizacións responsables da mesma foi recopilar e mostrar conxuntamente un exhaustivo catálogo de materiais de Gaudí e sobre Gaudí. Un conxunto enciclopédico.
Neste senso, pasear polas salas de (Re)conèixer Gaudí. Foc i cendres é como facer unha viaxe ao pasado. Non tanto porque case todos os obxectos presentes sexan de hai un século (ou máis), senón pola sensación de almacenamento, de abarrote, que se ten ao ir seguindo a disposición escollida polo señor Lahuerta. Unha viaxe a un gabinete de curiosidades (ou cuarto da marabillas) que tan de moda estiveron hai séculos. Moitas familias nobres ou ricas coleccionaban obxectos exóticos, procedentes doutros continentes e climas, que acugulaban en espazos reducidos e que logo eran mostrados a amizades e persoas curiosas e estudosas. Mormente eses obxectos comezaron sendo naturais (vexetación, fauna, fósiles). De aí, dese interese por coñecer aquilo tan diferente -e gardalo-, xurdiron os museos -xa os de historia natural, xa os de arte-.
Como xa se dixo, evidénciase que Antoni Gaudí foi un arquitecto original e moi relacionado cos traballos de arquitectura que se executaban en Europa, e fóra dela. Gaudí é un arquitecto plenamente modernista, e na mesma cidade de Barcelona estivo rodeado de edificios e doutros arquitectos que seguían as mesmas liñas estéticas. A cidade de Barcelona chegou a ter uns 1.000 edificios modernistas (boa parte do comezo do Eixample ordenado por Cerdà), cifra dada polo señor Lluís Permanyer, cronista oficial da cidade. Por tanto tamén se pode dicir que a imaxe que se vende do xenial arquitecto de que vivía iluminado e tocado por unha especial inspiración divina, é puro tópico, nacido quizais de que pasou moitos anos pechado na obras da Sagrada Familia, desde onde traballou tamén para moitos edificios. Antoni Gaudí poida que sexa o único arquitecto a quen a Unesco xa lle teña declarado sete edificios como Patrimonio da Humanidade. Sete construcións moi singulares: o Park Güell, o Palau Güell, a Casa Milá (Pedrera), a Casa Vicens, la obra de Gaudí na fachada do Nacemento e a cripta na la Sagrada Familia, a Casa Batlló e mais a cripta da Colonia Güell.
Tumblr media
Interior del Palau Güell. c. 1927
Gaudí foi o arquitecto favorito da burguesía máis rica de Cataluña, e mesmo de fóra dela. Foron clientes seus para moitos encargos a familia Güell, a familia Milà ou Antonio López y López. E esta burguesía, cando lle encargaba un edificio, unha fábrica coa súa colonia para as persoas traballadoras, un pazo, esixía que seguise as directrices estéticas que imperaban en toda Europa: o Modernismo. Pode ser esta, tamén, unha razón máis para comprender que Gaudí estaba perfectamente relacionado e ao tanto do que se facía en Europa.
Outras afirmacións que se teñen feito para cualificar a Antoni Gaudí (moitas xa consideradas tópicos) poida que sexan máis difíciles de rebater. Por exemplo que era un místico, ou que era moi católico, para algúns autores en exceso. Antoni Gaudí tomou as rendas da construción da Sagrada Familia cando aínda era novo, e conxeniou a edificación deste templo expiatorio con outros encargos e responsabilidades construtivas. Pero a Sagrada Familia (edificio que se comezou en 1882 e que, 140 anos despois, aínda non se rematou a súa construción) naceu xa como un templo católico expiatorio. Expiatorio de que? En Barcelona hai máis edificios relixiosos que son tamén expiatorios: o Temple Expiatori del Sagrat Cor de Jesús, sito no cume da montaña do Tibidabo,  comezado a construír en 1902 e acabado nos anos 60. É dicir, contemporáneo da edificación da Sagrada Familia. Dese mesmo tempo, e estilos, tamén é a fachada principal da catedral de Barcelona. A que tanto expiar? Que cousas ten que expiar esta sociedade, esta cidade, ou algunhas persoas das mesmas? En traballos publicados sobre a erección da Sagrada Familia dise que había que pagar polos pecados da “loita de clases”. Pero, en 1882 a loita de clases xa cometera tantos crimes que cumpría limpar as conciencias? Iso non foi máis ben xa no século XX, con episodios como a Setmana Tràgica? Pois poida que non. Se, ao tempo, se levantan outro templo e unha fachada (sen desbotar que haxa máis), que se busca? Tal vez hai que pagar polos pecados de que a industria que se instalou nesta cidade tirou os cartos da trata de escravos? Que os industriais máis sobresaíntes empregaron os beneficios tirados da explotación de escravos (en lugares como Cuba) para instalar as súas fábricas téxtiles ou de outras materias?
Hai uns anos o concello de Barcelona “comezou” unha campaña para retirar das rúas e prazas da cidade estatuas e outras testemuñas do pasado negreiro e escravista de moitas das familias industriais. Ao final só se retirou unha estatua, a do industrial Antonio López y López, cántabro para máis sinais. Pero López y López era xenro de Eusebi Güell!! Seguirán estas accións revisadoras da historia da cidade?
Lito Caramés
 EXPOSICIÓN: (Re)conèixer Gaudí. Foc i cendres
MNAC
ata o 6 de marzo de 2022
0 notes